ESTE VERÁN, COMO NUNCA!

ESTE VERÁN, MÁIS CA NUNCA!

ESTE VERÁN, TODO HA SEGUIR BEN!

 

MAÑÁS DE VERÁN e CAMPAMENTOS URBANOS DA FEDERACION DE CENTROS XUVENÍS DON BOSCO DE GALICIA NA CORUÑA, LUGO, SANTIAGO, OURENSE E VIGO

 

Estamos a vivir unha situación nova, na que non queremos deixar de apoiar a nenos e nenas, adolescentes e mocidade nesta crise. Despois de meses de encerro nos que faltaron estímulos, relacións, estrutura... crémonos na obriga de, NESTE VERÁN MÁIS CA NUNCA, ofertar actividades de tempo libre educativo para:

  • retomar as relacións e os procesos persoais e colectivos da infancia e da xuventude;
  • non estigmatizar a poboación máis vulnerable;
  • avaliar os impactos desta crise na infancia e tentar paliar os danos sufridos, de calquera tipo;
  • educar para a saúde a través do xogo, formándonos na adquisición de hábitos de hixiene;
  • cumprir co dereito fundamental ao lecer contemplado na Convención dos dereitos do neno e da nena.

 

 

Por todo isto, imos acentuar as medidas de protección da saúde e hixiene dos participantes nas actividades de verán, respectando e cumprindo, no dia a día, as condicións e obrigacións hixiénico-sanitarias vixentes: primaremos a asunción de novas rutinas de seguridade (suficientes, realistas, axustadas) e crearemos protocolos axeitados ás circunstancias, con pautas claras e sinxelas para todos e todas.

 

 

Somos un grande equipo de profesionais e voluntariado que opta polo tempo libre educativo. Coma sempre e NESTE VERÁN MÁIS CA NUNCA, ímonos reinventar, como vimos facendo desde hai décadas, con fórmulas creativas, adaptadas, pragmáticas, con sentidiño común e sanitario. Será unha planificación estruturada, realizable, con actividades e procedementos que contemplen diversos escenarios; unha planificación que tentará compensar os efectos do confinamento coa presenza das persoas adultas de referencia, ao aire libre, promocionando a responsabilidade persoal, a intelixencia emocional, a relación entre iguais en pequenos grupos, a actividade física e a educación na saúde.

 

 

Seguimos defendendo, como todos os anos e NESTE VERÁN MÁIS CA NUNCA, as actividades de tempo libre educativas, por seren experiencias inesquecibles, porque con elas os participantes o pasan en grande, fan novas amizades, divírtense, melloran as súas habilidades sociais na relación cos outros, medrando no respecto, na tolerancia e na liberdade, aumentan a autoestima e a confianza propias, desenvolven a súa independencia e autonomía, aprenden e practican valores, asumen un estilo de vida saudable a través das rutinas diarias e danlle valor á familia e ao seu fogar.

 

 

Tamén pretendemos axudar, NESTE VERÁN MÁIS CA NUNCA, a moitísimas familias na conciliación da vida persoal, familiar e laboral, proporcionándolles a tranquilidade de saber que os seus fillos e fillas se encontran en boas mans, participando nos proxectos de tempo libre educativo de verán ao carón dos animadores e animadoras da Federación de Centros Xuvenís don Bosco de Galicia.

 

Vémonos nas rúas e parques da túa cidade, NESTE VERÁN MÁIS CA NUNCA!

#nesteveránmáiscanunca